As tradicionais festas de San Froilán comezaron onte na cidade de Lugo. Hoxe é o día propio do patrón polo que as rúas albergarán unha chea de actividades (actuacións de Budiño e Kepa Junkera, Luz Casal e El Pescao). Ata o día 12 de outubro celebraranse máis de 150 actividades de música, teatro, espectáculos e diversión.
Concertos de primeiro nivel como os de Vetusta Morla, The Pepper Pots, Manel, Deolinda, Gose, Los Coronas + Arizona Baby, Los Diablos ou Lucía Pérez estarán nos escenarios do San Froilán. Máis de 15 grupos galegos como Berrogüetto, Treixadura, Os Cempés, Uxía, Miro Casabella, Lamatumbá ou Dios ke te Crew, converterán o San Froilán no maior festival de música galega do ano en Galicia. Un espectáculo nocturno de globos aeroestáticos encherá de luz e son a Muralla o día 6. Un desfile de gando polo centro da cidade rememorará a orixe do San Froilán, que comezou sendo unha feira para converterse logo en festa.
As casetas do polbo abriron xa o venres as súas portas e estarán funcionando todo o mes. Os prezos son 7 euros a ración de polbo, 1 euro os cachelos e o pan e 4 euros o viño. O SanFroiDance achegará a Lugo o día 11 a música electrónica e aos mellores DJ´s e o festival da Asociación de Gaiteiros Galegos traerá o Domingo das Mozas a Lugo gaiteiros de todo o país. O día 12 estará adicado ao Camiño Primitivo con Feira Medieval e Cantos de Cego nas principais prazas do casco histórico.
Máis info en www.sanfroilan.info