Serán necesarias 2.500 persoas este mércores para lograr o obxectivo de rodear a Muralla cunha corda, o acto colectivo de homenaxe ao emblema por excelencia de Lugo co que o Concello quere celebrar este ano o XI Aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade.
Cando os dous extremos da corda se xunten, tiraranse 11 foguetes e comezará a festa en toda a cidade. O Concello escolleu a castaña, como produto do outono, que foi ademais traído polos romanos a Galicia dende Italia, para facer un grande magosto arredor da Muralla. Repartiranse de balde 250 quilos de castañas asadas entre os asistentes ao acto en todas as portas da Muralla, onde haberá tamén actuacións musicais.
En total, máis de 20 grupos e artistas de Lugo de distintas disciplinas (dende grupos de música, corais, magos ou grupos de teatro) actuarán todo ao redor do monumento romano durante o acto para amenizar o percorrido.
Durante todo o día haberá tamén xornada de portas abertas en todos os museos da cidade e agasallarase con libros a todos os visitantes que ese día visiten os museos municipais, onde se mostran algúns dos achádegos arqueolóxicos máis importantes dos últimos 25 anos de escavacións en Lugo.