A Xunta desenvolverá ao longo do presente ano 2012 unha programación especial en homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, co gallo do centenario do seu nacemento que se cumpre hoxe, 4 de xaneiro. A Consellería de Cultura e Turismo programa unha serie de exposicións, edicións de libros, concertos e outras actividades destinadas a todos os públicos e a todos os sectores da poboación galega, para pór de manifesto a vixencia dunha obra imprescindible da literatura e da poesía. Esta programación, desenvolta en colaboración con diferentes entidades públicas e privadas, conmemora unha efeméride de gran importancia, referida a un dos escritores máis representativos do século XX galego.
O programa de actos comezará hoxe a través da iniciativa 100 poemas para lembrar a Celso Emilio e consistirá na exhibición de mostras da súa poesía nos escaparates de cen establecementos públicos e privados de Celanova, durante todo o ano 2012. O Ano Celso Emilio Ferreiro contará cunha exposición interactiva centrada na súa vida e na súa obra, que percorrerá o territorio da comunidade en itinerancia polas bibliotecas e os centros escolares de Galicia. Durante este ano de conmemoración levaranse a cabo dous concertos de homenaxe, a través de Axencia Galega das Industrias Culturais, coa participación de destacados intérpretes galegos que levaron aos escenarios e popularizaron poemas do autor e coa realización dun espectáculo multimedia baseado na súa figura.
A creación da páxina web oficial de Celso Emilio Ferreiro dispoñible en tres idiomas, galego, castelán e inglés, e a a celebración dunha xornada de homenaxe na Biblioteca da Cidade da Cultura, serán outras iniciativas destacadas.
Como vou poder solicitar esta exposición para o meu centro?
Ola Esperanza, sentimos non poder axudarte. Somos un medio de comunicación e, como tal, facémonos eco dunha información que nos achegou a Xunta de Galicia. Coidamos que para iso deberías de poñerte en contacto con eles que son os organizadores e, sen dúbida, poderán axudarte máis que nós neste caso.
Moitas grazas e un saúdo.
; )