A Xunta de Galicia através da Secretaría Xeral para o Turismo xa comezou a subsanar as patoloxías construtivas do hotel-monumento de San Clodio en Leiro. As obras acometidas inclúen a reparación de danos relativos ás carpinterías, á falta de dimensión da calefacción e mais ao acondicionamento dos sanitarios. O investimento total achégase aos douscentosmil euros e o prazo de execución previsto son tres meses.
O mosteiro, situado no pequeno núcleo rural de San Clodio, na ribeira do río Avia foi fundado no século VI e a partir do ano 928 tense noticia da súa ocupación polos monxes beneditinos. Tivo gran influencia no Ribeiro entre os séculos XIV e XIX. Tras a desamortización foi reocupado pola comunidade beneditina pertencente a Samos e xa no ano 1994, froito dun convenio entre o Bispado de Ourense, o Concello de Leiro e a Xunta de Galicia, a comunidade beneditina púxoo a disposición da Xunta de Galicia para a súa rehabilitación e posta en valor turística.