Os grandes almacéns Harrods de Londres, acollen a segunda fase da campaña de promoción de Galicia, organizada pola Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Londres, como continuación das accións levadas a cabo na capital británica ao longo dos últimos meses para a promoción Vigo-Rías Baixas e A Coruña-Rías Altas, unidas con voos directos coa primeira cidade de Gran Bretaña.
Esta acción de mercadotecnia divídese en dúas partes. A primeira iniciouse o pasado día 17 de decembro e estenderase ata o vindeiro día 10 de xaneiro, e inclúe a instalación de catro escaparates con imaxes da Vigo-Rías Baixas e A Coruña-Rías Altas integradas con moda de Harrods e outros elementos iconográficos galegos. Estes escaparates atópanse fronte a rúa Hans Crescent e sitúanse nas portas 5 e 6, polas que pasan 526.717 consumidores ao mes.
A partir desta semana, comeza a segunda fase da campaña, a máis numerosa en actividades de promoción, que se estenderá ata o día 3 de febreiro. Nesta segunda fase inclúese a instalación de elementos gráficos para promocionar Galicia a través da Vigo-Rías Baixas e A Coruña-Rías Altas, tamén nos escaparates que se sitúan fronte á Brompton Road, coincidindo coa época de rebaixas, a máis activa nos grandes almacéns Harrods.
Poden verse fotografías no Flickr de Turgalicia