O Pazo de Raxoi de Santiago de Compostela acolleu o acto de sinatura do protocolo de colaboración para a promoción conxunta do “Entroido da Ulla – Xenerais da Ulla”, no que participaron os oito concellos nos que esta celebración tradicional ten máis calado: Boqueixón, A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.
O Entroido da Ulla remonta as súa orixes a primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron entón na comarca: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas, que inspiran os atuendos e caracteres das principais figuras protagonistas.
Os personaxes máis importantes son os xenerais e correos a cabalo, que durante un mes percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun “exército” de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón acontecidos durante o ano.
O protocolo de colaboración asinado en Santiago ten coma obxectivo xenérico promocionar conxuntamente as diferentes celebracións do “Entroido da Ulla” que teñen lugar nos oito concellos. Un dos obxectivos concretos que se marcan é a consecución da Declaración de Festa de Interese Turístico, tanto de Galicia como de España.
Neste ano, coa colaboración das Deputacións de A Coruña e Pontevedra, desenvolverase por primeira vez unha páxina web, xeneraisdaulla.com, na que se poderá consultar a información máis interesante sobre a festividade, así como os eventos que terán lugar nos diferentes lugares e parroquias. Editaranse tamén un cartel e un folleto promocionais.