O vindeiro venres, 24 de febreiro, o Parador de Turismo de Monforte de Lemos acolle a Cata de Calificación da colleita 2011 na D.O. Ribeira Sacra, a colleita máis abundante da Denominación. As Catas de Calificación da Ribeira Sacra teñen carácter itinerante por subzonas e nesta ocasión o turno é para a subzona de Amandi. O pasado ano a cita foi en Trives, onde a colleita 2010 obtivo a valoración de ‘moi boa’.
Para o panel de cata contarase con expertos do mundo da viticultura e da enoloxía,así como algún xornalista e membros das asociacións de sumilleres, catadores e enólogos.
O panel de cata valorará 10 mostras, 2 por subzona, buscando ter representación en cada subzona, dunha adega de moita produción e outra de pouca produción. Da recollida de mostras encargaranse, a partir da próxima semana, técnicos da Denominación.