O Museo do Mar de Galicia, en Vigo, vén de inaugurar un novo espazo de exposición permanente, o Gabinete Científico, unha mostra con 213 especies de peixes e invertebrados conservados en alcohol de 70 graos e ubicada no hall do museo.
O Gabinete Científico evoca, no seu plantexamento conceptual, aos gabinetes de curiosidades que tanto atraían a atención do público nos séculos XVI e XVII, e que amosaban os obxectos e os organismos recollidos nas primeiras exploracións. No caso do Gabinete do Museo do Mar, componse de fondos procedentes das campañas de investigación levadas a cabo pola sede viguesa do Instituto Español de Oceanografía –IEO- e polo Instituto de Investigacións Mariñas do CISC.
Respecto aos fondos do Investigacións Mariñas, amósanse 139 especies capturadas no Gran Banco de Terranova e en particular no Flemish Cap, unha impoñente montaña submariña que se alza dende os 4.000 metros de profundidade ata case a superficie, e que se separa da plataforma atlántica do Canadá polo estreito do Flemish Pass.
Do IEO proceden, por outra banda, 74 especies capturadas no Hatton Bank, un pequeno pero moi rico caladoiro situado ao noroeste de Irlanda, e de onde proceden recursos pesqueiros tan importantes para a economía galega como o granadeiro ou o talismán.
Esta mostra complétase con tres espazos de información que axudan a comprender a orixe e os contidos do Gabinete, a clasificación das especies e as zonas do océano nas que habitan.