A Cidade da Cultura puxo en marcha onte o Programa de Visitas Máxicas ao Museo de Galicia, nas que nenos e maiores puideron descubrir un dos edificios máis abraiantes do complexo Gaiás da man de magos e ilusionistas.
Maxia, xogos e música serán ata o 4 de xaneiro os protagonistas da programación da Cidade da Cultura, con actuacións de balde coas que poderán gozar tanto grandes coma pequenos e coas que a Fundación Cidade da Cultura de Galicia quere desexarlles un Bo Nadal. Hoxe comezan os obradoiros Xoguetes Sonoros, onde os rapaces aprenderán a fabricar e tocar instrumentos musicais tradicionais, e ademais, o 3 de xaneiro terá lugar o gran concerto solidario Cancións por regalos con cinco bandas de pop e no que para conseguir unha entrada só haberá que levar un agasallo para un neno.
No programa de Visitas Máxicas ao Museo de Galicia participarán un total de 500 persoas. A resposta do público foi excepcional e todas as prazas ofertadas para esta actividade de balde cubríronse nos cinco primeiros días. As visitas terán lugar ata o 4 de xaneiro (coa excepción do 31 e do 1) en dúas quendas: 12.00 e 18.00 horas.