A Deputación da Coruña colaborará coa Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo no lanzamento dunha marca de calidade que distinga aos produtos agroalimentarios autóctonos dos 17 concellos que abarca a superficie deste espazo natural recoñecido pola Unesco en 2013: Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, Culleredo, Curtis, Miño, Irixoa, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada e Sobrado.
A entidade conta cun informe cos máis de 60 produtores agroalimentarios locais que integran xa a iniciativa e aos que poderían incorporarse novas iniciativas emprendedoras saídas das máis de 400 persoas que participaron nas accións formativas que, neste ámbito, se desenvolveron nos últimos anos.
A reserva abarca un territorio cunha superficie de case 114.000 hectáreas na que viven unhas 190.000 persoas e, entre outras cuestións, pretende aproveitar o seu potencial económico mediante plans como a creación da citada marca ou a creación dun produto turístico que engarce a ampla oferta gastronómica, hostaleira, cultural e natural da zona para facela máis atractiva aos visitantes.