Produccións Teatráis Excéntricas con Un cranio furado foi a gran vencedora dos premios teatrais María Casares ao gañar cinco dos dez galardóns aos que optaba. Mentres que “Memoria de Helena e María” de Teatro do Atlántico e “As actas escuras” do Centro Dramático Galego, que contaban con 7 nominacións cada unha tiveron que marchar coas mans baleiras.
Onte a cidade da Coruña acolleu, un ano máis, a XV edición destes premios cunha gala inspirada no mundo do circo. Houbo trapecistas, acróbatas, malabaristas, humor e mesmo unhas siamesas.
A obra máis premiada foi Un cranio furado que levou cinco galardóns (mellor adaptación, escenografía, actor secundario, actor protagonista e espectáculo). O resto dos premios estiveron repartidos: Life is a paripé de Obras Públicas acadou dous (actriz protagonista e música orixinal); Trogloditas de Tanxarina levou os dous aos que optaba (maquillaxe e vestiario); Volpone de Talía Teatro gañou o de mellor actriz secundaria; Super8 de Voadora obtivo a mellor dirección; Limpeza de sangue de Espello Cóncavo, mellor texto orixinal e O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca de Sarabela Teatro recibiu o premio pola iluminación de Suso Díaz, recentemente falecido.
Gonçalo Guerreiro e Pedro Brandariz presentaron o espectáculo que tamén tivo o seu lado reivindicativo cos discursos do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares e do
presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Antonio Durán “Morris”. Baixo a atenta mirada do conselleiro de Cultura, do delegado do Goberno en Galicia ou do alcalde de A Coruña, entre outras autoridades, Morris lamentouse da crise económica e dos recortes nas subvencións “os axustes económicos nos investimentos que fai o Goberno a través a Consellería de Cultura poñen en serio perigo todo o conseguido ata hoxe. Rebaixar nun 20% o investimento nos nosos espectáculos suporá para moitas compañías e moitos profesionais ter que colgar o cartel” afirmou.Tamén Avelino González no seu discurso como gañador da mellor adaptación fixo a súa reivindicación “quero seguir facendo cousas no meu idioma” asegurou tras servirse unha cervexa na cerámica entregada como premio.
Un dos momentos máis emotivos foi o do Premio de Honra “Marisa Soto”. Todo o teatro se puxo en pé para render homenaxe a Xan Cejudo, “mestre de mestres”.