Este concerto enmárcase na programación do Galicia Classics e porá fin á XVI edición do Ciclo da Asociación Galega de Compositores. Actuarán a Orquestra e o Coro Gaos, dirixidos por Fernando Briones, e interpretarán no Teatro Colón Novacaixagalicia, obras dos compositores galegos Manuel Alejandre, Gabriel Bussi, Xavier Comesanha, Joam Trillo, Antonio Peña e Yerko Ivanovic.
O XVI Ciclo da Asociación Galega de Compositores, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, percorreu este ano as cidades de Ferrol, Vigo e Lugo antes de chegar á súa cita na Coruña. En total, o público puido gozar de obras de 21 compositores galegos actuais e cinco históricos. A Asociación Galega de Compositores integra a compositores e compositoras nados en Galicia ou residentes nela. Esta asociación sen ánimo de lucro ten como obxectivo defender os intereses grupais dos compositores galegos ou residentes en Galicia e aqueles aspectos da nosa cultura musical que repercutan no desenvolvemento da súa traxectoria, así como manter a memoria dos compositores históricos de Galicia, de quen son continuadores.