Un total de 21 meles pertencentes a 16 industrias envasadoras da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, e 56 queixos das Denominacións de Orixe Protexida Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro participan ata hoxe nas catas oficiais que organiza a Consellería do Medio Rural en colaboración cos consellos reguladores participantes, no compostelán Centro Integrado de Formación Profesional en Lamas de Abade.
Entre os días 10 e 15 deste mes procedeuse á recollida de mostras das industrias participantes, elixindo ao chou unha mostra de 3 envases de mel de cada un dos participantes e unha mostra de 5 queixos, do mesmo lote, de cada un dos concursantes. Todo o material foi colocado en caixas e transportado ata o Centro de Lamas de Abade, onde permaneceu debidamente precintado e refrixerado ata o inicio das catas.
Finalizadas as catas, procederase á identificación das mostras premiadas, tomando nota das marcas e industrias, introducíndose logo o nome dos galardoados en sobres pechados que permanecerán en poder do secretario ata o momento da entrega de premios.
A entrega de premios realizarase nun acto que contará coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e do conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez. Será a comezos do mes de decembro, no concello coruñés de Melide.