Con motivo da celebración do Día Mundial do Turismo, que se celebra o 27 de setembro, a Consellería de Cultura e Turismo, organizará unha xornada gratuita no Gaiás na que os participantes coñecerán o complexo arquitectónico.
Esta iniciativa está reservada ás primeiras 55 persoas que acudan ás oficinas de Turismo da Xunta de Galicia, situadas nas cidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, ademais de Vilagarcía de Arousa e Tui, indicando a súa intención de realizar a visita á Cidade da Cultura de Galicia programada para a celebración do Día Mundial do Turismo.
A reserva das prazas terá que realizarse entre os días 19 e 22 de setembro, ambos incluídos, en horario de 10,00 horas a 14,00 horas, nas oficinas de Turismo. Entregaranse, como máximo, dous convites por persoa.