A Biblioteca Pública Miguel González Garcés acolle a exposición itinerante Castelao, promovida pola Xunta de Galicia co fin de contribuír á difusión da figura e da obra do escritor e galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no 125 aniversario do seu nacemento. Permanecerá aberta ao público na biblioteca coruñesa ata o vindeiro 19 de outubro.
O proxecto expositivo Castelao repasa a biografía e os acontecementos da polifacética personalidade do escritor e galeguista a través de sete paneis de desenvolvemento teórico, que son complementados con sistemas interactivos e música ambiental galega.
A mostra fai un percorrido pola obra e a vida de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao desde a súa infancia en Rianxo e a adolescencia como emigrante na Pampa arxentina, ata o exilio, primeiro en Nova York e despois en Bos Aires.