O Concello de Ourense internalizará a explotación e xestión do centro termal das Burgas dende o 2 de xaneiro, mantendo durante todo o mes a entrada gratuíta ao público. Así, o Concello garantirá as condicións óptimas de uso, conservación e limpeza das instalacións termais, ademáis de prestar servizo de atención aos usuarios. O horario de apertura ao público durante todo o mes será de 10 a 13 horas, e de 17 a 21 horas, de martes a domingo.
O Centro Termal das Burgas, que consta de piscina de auga termal e sauna húmida, leva en funcionamento dende xullo de 2010, e permite aos usuarios desfrutar das augas bicarbonatadas sódicas, fluoradas, litínicas e hipertermais, cunha temperatura de 64 graos en manancial e 38 graos para o baño. As augas son indicadas desde un punto de vista terapéutico para afeccións dermatolóxicas e reumatoloxía.
A zona conta, dende a súa apertura ao público o pasado día 22 de novembro, cun novo espazo para a investigación e divulgación do patrimonio arqueolóxico termal da cidade: o Centro de Interpretación das Burgas e o bulevar peonil, que dotan ao espazo de 6.000 metros cadrados de zona verde e dun circuíto expositivo-divulgativo que incorpora os achádegos atopados nas Burgas.