O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López inaugurou a exposición Castelao na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, onde estará aberta ao público ata o vindeiro 31 de xullo.
Con motivo do 125 aniversario do nacemento do escritor de Rianxo, a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, promove esta mostra itinerante que, tras estar no Museo de Pontevedra, percorrerá nos próximos meses varias bibliotecas galegas e centros escolares, co fin de achegarlle á sociedade a figura e a obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Este proxecto expositivo repasa a biografía de Castelao e os acontecementos da súa polifacética personalidade a través de sete paneis con desenvolvemento teórico e complementados con sistemas interactivos e música ambiental galega.
Logo do seu paso pola Biblioteca Anxel Casal de Santiago, a mostra realizará a súa próxima parada na Biblioteca González Garcés de A Coruña, onde estará desde o 2 ao 22 de setembro.