A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, promociona a oferta relacionada co golf en Galicia na feira International Golf Travel Market (IGTM), que se celebra no Algarve (Portugal), ata o día 15 de novembro.
Nesta edición da IGTM, Turgalicia asiste en colaboración coa asociación Galicia Destino Golf, que desprazará ata o sur de Portugal a tres representantes dos sectores relacionados co aloxamento, os campos de golf e os servizos turísticos de intermediación, respectivamente.
Turgalicia instalará un stand de 12 metros cadrados que contará cun mostrador de información xeral e un apartado destinado á atención dos operadores turísticos que visiten a feira.
Os obxectivos de Turgalicia nesta feira pasan polo establecemento de relacións comerciais coas principais canles de distribución e comercialización do Turismo de golf, facilitar a presentación da oferta de campos e programas turísticos do golf galego e atraer aos operadores turísticos internacionais para que visiten e poidan coñecer a oferta do golf de Galicia.
A feira IGTM é a principal exposición para o sector do Turismo de golf. Reúne actualmente a máis de 300 operadores turísticos especializados, procedentes de todo o mundo.