A Casa da Parra de Santiago de Compostela acolle ata o 26 de xuño a exposición itinerante No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro 1911-2011, coa que se conmemora o centenario do nacemento do escritor mindoniense mediante a mostra de fondos documentais, obxectos persoais, manuscritos e primeiras edicións das súas principais obras.
Estrutúrase en cinco grandes apartados que describen o universo cunqueirano a través de elementos tan íntimos como a reprodución do seu escritorio de traballo, a narración biográfica no seu contexto histórico e vital ou a exhibición de materiais de grande valor tanto emocional como patrimonial. Un espazo audiovisual reproduce en vídeo distintos documentais, entrevistas e gravacións das súas obras teatrais; e dous computadores con pantallas interactivas permiten a consulta de datos, fotos e bibliografía.
Editouse así mesmo, como material complementario, un catálogo sobre os contidos da exposición.