Inside, está formada por oito intervencións de artistas contemporáneos en espazos interiores e exteriores do Gaiás. O obxectivo da mostra é converter á Cidade da Cultura nun lugar para a reflexión, para a inspiración e para o diálogo entre as artes.
Comisariados por Rafael Doctor Roncero, os artistas convidados a participar en Inside son Marlon de Azambuja, Elena Fernández Prada, Alicia Martín, Pamen Pereira, Jorge Peiranes e Damián Ucieda. A eles, hai que sumarlle Container Inside, a obra colectiva resultante do I Encontro de Artistas Novos celebrado neste mes de setembro na Cidade da Cultura, onde 100 mozos creadores puideron compartir e debater sobre o posicionamento actual do artista e o devir da produción artística contemporánea.
O visitante que se achegue ao Gaiás será recibido cunha alfombra de grandes dimensións confeccionada polo brasileiro Marlon de Azambuja que, baixo o nome de Operacións, convídanos a repensar o carácter escultórico do espazo. Elena Fernández Prada, pola súa banda, converte as columnas da Biblioteca de Galicia nunha aldea galega a través das acumulacións verticais de vivendas rurais feitas en acuarela e que acaban conformando improvisados e quiméricos rañaceos que, non obstante, evocan a típica paisaxe rural. Na entrada porticada do Arquivo, Alicia Martín envolve ao visitante nun “remuíño” de lectura formado con 3.000 libros co que convida a reflexionar sobre o exceso de información que se vive na sociedade actual, alertando da existencia dunha posible segunda Torre de Babel.
As Torres Hejduk tampouco se libran desta intervención creativa e, da man de Pamen Pereira, recuperan a función para as que o seu arquitecto as concibiu: as de torres botánicas a través de O invernadoiro da temperanza. A interacción en imaxes entre a cidade da Santiago e a que se erixe no cumio do Gaiás é a protagonista de Accident, Fight #1, Farewell do galego Damián Uceda, mentres que a pedra centra a intervención de Jorge Perianes cunha obra que non deixará indiferente a ninguén.