A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo recolleu onte o premio Architectural 3D Awards á aplicación Libro de Pedra, que permite realizar unha visita virtual á Catedral de Santiago e ao casco histórico de Compostela. Este paquete de aplicacións e contidos esta promovido pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo, e foi desenvolvida polos equipos de Ilux Visual Technologies e o Grupo de Visualización Avanzada VideaLAB da Universidade da Coruña a través da Fundación da Enxeñería Civil de Galicia. O proxecto Libro de Pedra consiste nun paseo virtual pola Catedral e a cidade de Santiago e se enmarca no proxecto europeo Loci Iacobi. Lugares de Santiago. Lieux de Saint Jacques de revitalización do Camiño en Galicia, Francia e Portugal.
O premio Architectural 3D Awards o outorga CGArchitect.com, un recoñecido portal de arquitectura dixital. Trátase do recoñecemento máis importante neste campo a nivel mundial, onde se premia aos mellores traballos de arquitectura dixital de todo o mundo nos campos de película de arquitectura, imaxe arquitectónica e presentación en tempo real. Esta cerimonia de premios enmárcase dentro do Festival Internacional de Animación, Efectos Especiais, Videoxogos e Arquitectura Dixital, Mundos Dixitais, que celebra o seu décimo aniversario.
http://www.turgalicia.es/librodepedra