A cantante galega Luz Casal ofrecerá dous concertos incluídos na programación do Ano da Música de Galicia. A primeira cita será o vindeiro venres, 22 de xullo, na Praza da Quintana de Santiago de Compostela, e a segunda terá lugar ao día seguinte, o 23 de xullo, no Centro Social Novacaixagalicia de Pontevedra.
O concerto de Santiago, que comezará ás 22.30 horas, celebrarase con motivo das Festas do Apóstolo e conta co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia. As entradas para asistir a esta actuación poden adquirirse na web www.servinova.com. O sábado, Luz Casal desprazarase ata Pontevedra para ofrecer unha actuación no marco do novo Festival Internacional das Rías Baixas de Música, Danza e Teatro. O concerto terá lugar ás 20.30 horas no Centro Social Novacaixagalicia e as localidades están á venta a través da web de Servinova.
O seu último traballo é La Pasión, que publicou en 2009. Entre as distincións ao seu traballo, Luz Casal recibiu en 2010 a Medalla Castelao, o título de filla predilecta de Boimorto e a Medalla de Ouro das cidades de Madrid e París. En novembro de 2009, foille outorgada a Medalla das Artes e das Letras de Francia.