O Festival Vía Stellae acolle hoxe no Teatro Principal de Santiago de Compostela a ópera barroca Semiramide Riconosciuta, do compositor italiano Nicola Porpora. Trátase dunha recuperación feita en coprodución de Via Stellae co Festival de Beaune (Francia), especializado no barroco e que no 2012 cumprirá trinta anos de historia.
A ópera estará interpretada pola Accademia Bizantina, co-dirixida por Ottavio Dantone e Stefano Montanari, considerada como unha das orquestras barrocas europeas de maior prestixio.
Na xornada do mércores, o festival Vía Stellae continúa coa actuación da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia, que terá lugar ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela.
Vía Stellae é un festival que organiza a Consellería de Cultura e Turismo a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo coa colaboración do Consorcio de Santiago e o concello compostelán.