Os traballos de posta en valor da Muralla de Lugo comezarán hoxe despois de que se fixera efectiva a adxudicación para os vindeiros catro anos do Plan de mantemento para a Muralla de Lugo, por un importe de 896.000 euros. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural contratou este completo plan para garantir o coidado e preservación deste Ben de Interese Cultural.
Nun primeiro momento, realizarase unha supervisión completa do estado de conservación de cada unha das partes máis significativas, lenzos, adarve, rampla e escaleiras e instalación de iluminación. Polo tanto, nesta primeira fase o traballo será eminentemente técnico, de tal forma que se cuantifiquen os problemas e se valoren por orde de prioridade e urxencia. Neste eido, os que resultan máis urxentes dende o punto de vista da conservación son os que fan referencia ao estado dos accesos, ao adarve e principalmente aos desaugadoiros dos mesmos, que se limparán e repararán nos seguintes días.
No relativo aos traballos de retirada da vexetación, estes serán realizados conforme ao Plan de Mantemento, executando os tratamentos biocidas e a retirada de vexetación segundo a programación do mesmo. Asemade, nestas primeiras xornadas comezarán os traballos de posta en valor do ámbito da Porta de Santiago e se valorará o estado da instalación eléctrica e de luminarias, retirando aquelas en mal estado de conservación, elaborando un documento técnico para a súa posterior intervención.