O festival Rock in Way, promovido pola Consellería de Cultura e Turismo e que se celebrará o próximo venres 9 e sábado 10 de setembro en Santiago de Compostela, completará o seu extenso programa musical, con 22 bandas en directo en dous días (entre as que se inclúen The Offspring, The Specials, The Charlatans, The View, <<rinôçérôse>>, Muchachito Bombo Infierno, Sôber ou Siniestro Total), con actividades de lecer para o público asistente. O festival contará con máis de 300 persoas que traballan na organización do evento.
A preparación do recinto do Monte do Gozo para acoller este evento iniciouse o luns 22 de agosto. O recinto incluirá un equipamento composto por dous escenarios para os concertos; cinco barras; unha zona de merchandising oficial do festival e das bandas; un mercado con comida e outros productos; un posto da Cruz Vermella; un “banco” central para o intercambio de diñeiro por moedas e billetes do festival; unha carpa para os talleres de dj e unha actividade de aquabolas no lago do Monte do Gozo.
O escenario principal ten unhas dimensións de 40 metros de ancho (incluíndo pantallas) e 16 metros de fondo. Son necesarios guindastres de gran tonelaxe para a súa montaxe. O escenario 2 vai situado dentro dunha carpa iglú de 14 metros de altura, con 22 metros de ancho e 14 metros de fondo.
A zona de acampada está situada no cámping do Monte do Gozo, a 800 metros da entrada do recinto dos concertos. O cámping, que ten aforamento limitado, estará aberto do venres ás 11,00 horas ao domingo ás 18,00 horas.
Os abonos de dous días, que inclúen cámping gratuíto, pódense adquirir ao prezo de 32 euros máis gastos de distribución.