O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, máis o Coordinador Xeral da Xunta de Confrarías, Ramón Basanta, acompañados por representantes de todas elas, asinaron un convenio de colaboración para o impulso da Semana Santa lucense, na que están implicadas directamente 3.000 persoas. O convenio responde a varios motivos: relixiosos, económicos, a proxección turística e a posta en valor do traballo realizado polas Confrarías. A Deputación achega 8.000 euros, que sufragarán parte dos gastos derivados da promoción e organización dos diferentes actos dunha Semana Santa que cada ano está máis preto de acadar a declaración de Festa de Interese Turístico Galego.
O organismo provincial colabora así coa Xunta de Confrarías que engloba a seis irmandades da capital lucense: A Borriquita, Virxe da Esperanza, Desencravo do Señor e dos Maiores Dolores de María Santísima, Bo Xesús e do Nazareno, Santo Cristo do Perdón e Nosa Señora da Piedade, Sacramental e Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén.
Gómez Besteiro lembrou que durante o ano pasado a Oficina Municipal de Turismo rexistrou 1.514 solicitudes de información na Semana Santa, rexistrando unha ocupación hoteleira superior ó 80%, a pesares de ser unha semana marcada polas choivas, o que obrigou a suspender algunha das principais procesións.
A de Lugo non é a única Semana Santa coa que colabora a institución luguesa. A Deputación de Lugo renovou o pasado febreiro a súa colaboración co Concello de Viveiro e coa Xunta de Confrarías da localidade mariñana, co obxectivo de impulsar aínda máis esta celebración e acadar a declaración como “Festa de Interese Turístico Internacional” dunha Semana Santa que figura entre as máis importantes de Galicia.