Turgalicia sorteará a través da súa páxina de Facebook e outros sitios da Internet un total de 1.878 paquetes deste programa que inclúen actividades turísticas en toda a comunidade autónoma. Poderá acceder a este concurso calquera residente en España e gozar da maioría dos premios antes do 22 de marzo. Inclúense paquetes para dúas, catro, dez e doce persoas.
A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, vén de poñer en marcha unha campaña para incentivar a desestacionalización e o consumo turístico a través do programa Vive Galicia, un conxunto de paquetes que inclúen experiencias turísticas para gozar por toda a Comunidade Autónoma.
Deste xeito, Turgalicia realizará un concurso para sortear a través da súa páxina de Facebook e outros sitios da Internet un total de 1.887 paquetes Vive Galicia que se poderán gozar, na súa maioría antes do 22 de marzo. Existen tamén paquetes que se poderán gozar entre os meses de primavera e verán, xa que inclúen visitas a illas ou transporte en barco.
Este concurso desenvólvese na Internet e nel poderán participar os usuarios de Facebook, a través da conta: facebook.com/Turgalicia, e os usuarios da rede en xeral, que poderán participar a través dun site especifíco ao que se accederá desde a páxina web de Turgalicia: www.turgalicia.es
Os participantes teñen de prazo ata o día 28 de decembro de 2012 para inscribirse e para isto, deberán responder dez preguntas relacionadas co destino turístico Galicia. Logo, elixirán o seu paquete e entrarán nun sorteo que realizará Turgalicia antes do día 5 de xaneiro de 2013.