O vindeiro mércores 24 de outubro a cidade de Santiago de Compostela celebrará o XXV aniversario da declaración polo Consello de Europa do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo. A celebración inclúe un acto institucional, a visita a unha mostra sobre o Camiño, unha conferencia e un concerto extraordinario.
O programa de actos comezará cun percorrido simbólico dende a Porta do Camiño ata a praza do Obradoiro, seguindo a entrada na Cidade Histórica do Camiño Francés. Logo, na praza, celebrarase o acto conmemorativo do XXV aniversario da Declaración polo Consello de Europa do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo.
Despois dos actos do Obradoiro, a comitiva desprazarase ata o Museo das Peregrinacións e de Santiago de Compostela para visitar, en torno ás 13:15 horas, a exposición Memoria de Peregrinación: Camiño de Santiago, Primeiro Itinerario Cultural Europeo. Os días 23 e 24 serán xornadas de portas abertas neste Museo para que calquera poida visitar a exposición.
Xa pola tarde, ás 18:00 horas, no Hostal dos Reis Católicos, conferencia de Marcelino Oreja, quen fora secretario xeral do Consello de Europa no momento da Declaración. Alí tamén intervirán Ángel Currás, Thorbjorn Jagland e quen naquel momento era o alcalde compostelán, Xerardo Estévez.
Os actos da xornada pecharanse cun concerto moi especial no Auditorio de Galicia a partir das 21:00 horas. Paul Daniel dirixirá a Real Filharmonía de Galicia, co acompañamento ao piano de Josu de Solaun.