A Deputación de Lugo vén de presentar o I Concurso de Fotografía sobre a Reserva da Biosfera Terras do Miño, unha convocatoria coa que pretende difundir a riqueza deste espazo natural e dinamizar o sector turístico atraendo visitantes á provincia.
As fotografías a concurso poden entregarse ata o 27 de marzo nun sobre pechado no Rexistro Xeral da Deputación, no Pazo de San Marcos. As imaxes deberán tomarse no territorio da Reserva Terras do Miño; terán a auga como fío condutor e poderán orientarse nas seguintes temáticas: auga, natureza, patrimonio cultural e etnográfico, tradicións, gastronomía, e oficios e artesanía. Terras do Miño comprende 26 Concellos da Cunca Alta do Miño, pertencentes á súa vez a 7 comarcas lucenses: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara. Polo tanto, as imaxes terán que estar localizadas nestes municipios.Haberá tres premios en metálico: un 1º de 800 euros; un 2º, de 400; e un 3º, de 200 euros. O xurado, composto por cinco profesionais de recoñecido prestixio, fará público os nomes dos gañadores o 30 de marzo.
De xeito complementario, a institución luguesa organiza un programa de exposicións fotográficas pola provincia sobre este espazo protexido, que se inaugura este mesmo xoves día 15 en Lugo e Viveiro, e o venres en Ribas do Sil. Con ámbalas dúas iniciativas, a Deputación continúa coa conmemoración do 10º aniversario da declaración de Terras do Miño como Reserva.
As bases pódense consultar na páxina web www.deputacionlugo.org