Santiago, xunto coas Cidades Patrimonio da Humanidade de España, presenta esta tarde na Casa de Galicia de Madrid a súa gastronomía. É unha acción conxunta que se enmarca dentro do programa de actividades de celebración do 40 aniversario da Convención do Patrimonio Mundial.
Trátase de catas dinámicas dunha mostra de produtos seleccionados entre os mellores queixos, viños e aceites das cidades. O cociñeiro recomendará posibles maridaxes e compartirá cos asistentes seis receitas orixinais, que se degustarán posteriormente. Os asistentes ás presentacións, xornalistas gastronómicos e de viaxes, recibirán unha guía de cata con imaxes e unha descrición técnica de todos os produtos e das receitas degustadas, así como un pack gastronómico de obsequio. O cociñeiro encargado de dirixir as catas, elaborar as receitas e comentar os produtos será o galego Franciso Piñeiro, Premio Nacional de Gastronomía «Salvador Gallego» 2011 – 2012.
O produto que representará a Santiago será o Queixo Tetilla Tres Pazos, de Queserías del Ulla. Os produtos que representarán ás diferentes cidades son: Alcalá de Henares, viño; Ávila, queixo; Cáceres, queixo; Córdoba, aceite; Cuenca, viño; Ibiza, viño; Mérida, aceite; Salamanca, viño; Santiago de Compostela, queixo; Segovia, viño; Tarragona, aceite; e Toledo, aceite.
Turismo de Santiago comentará a cata en tempo real a través da súa conta en Twitter: @santiagoturismo. Tamén se creou o hastag #GastroPatrimonio para seguir o evento nesta rede social.