Galicia10 preséntache unha ruta xurdida da paixón duns amigos que, a través de 200 quilómetros, une Malpica e Fisterra
A Costa da Morte é, quizais, unha das zonas máis enigmáticas de Galicia. As lendas que a rodean, a súa escarpada costa cos seus grandes acantilados e unha natureza aínda salvaxe, fan dela unha zona irrepetible. E que mellor xeito de coñecer a fondo esta rexión que paseando polo beira do mar?
Isto, precisamente, foi o que deberon de pensar hai uns anos os trasnos, un grupo de amigos que decidiu percorrer, a pé e pola costa, o tramo de 200 quilómetros que une Malpica e Fisterra e que, ao finalizar, comprobou que era unha experiencia digna de compartir co resto do mundo
Tras moito empeño, en 2012 comeza a funcionar o proxecto do Camiño dos Faros, unha ruta de sendeirismo de 200 quilómetros, dividida en 8 etapas, na que empezaron 23 persoas e que chegou a máis de 700 nalgunha das etapas realizadas este mesmo ano. Un claro síntoma de que, a pesar da falta de apoio institucional, o boca orella segue funcionando como un excelente transmisor do noso rico patrimonio natural e cultural.
O percorrido é un verdadeiro regalo para os sentidos: faros, praias, dunas, ríos, acantilados, bosques, miradoiros, castros, dolmens e vilas mariñeiras con encanto forman parte da paisaxe que se encontrará quen se aventure a realizar esta marabillosa ruta.
Tal e como explican os trasnos, non hai que ser un gran deportista para afrontar os percorridos, xa que as etapas están pensadas para que todo o mundo poida realizalas ao seu ritmo. Trátase de 8 etapas duns 25 quilómetros, aproximadamente, cada unha e que se poden facer en 9 horas cun ritmo pausado duns 3 qm/h. Aínda que para os máis atrevidos, este verán se organizou o I Ultra Trail que propoñía realizar o percorrido en 48 horas.
Os trasnos invitan a todo o mundo a realizar con eles o Camiño dos Faros, de feito acaban de finalizar a súa terceira edición. Aínda que tamén existe a posibilidade de facer a ruta por libre ou mesmo elixir a etapa que máis lle apeteza un, se é que non pode realizala na súa totalidade. De feito, cada unha delas iníciase e finaliza en poboacións que contan con todo tipo de servizos. A través de wikiloc e dun smartphone pódese acceder a toda a ruta seguindo as frechas verdes que indican o camiño.
A primeira etapa une Malpica e Niñóns coa posibilidade de ver as Illas Sisargas, o cabo San Adrián e a súa capela ou Punta Nariga. A segunda etapa vai de Niñóns a Ponteceso pasando polo faro do Roncudo, Corme ou a desembocadura do Anllóns. Na terceira etapa -de Ponteceso a Laxe– están a casa natal de Eduardo Pondal, pero tamén o dolmen de Dombate e o castro de Borneiro. Entre Laxe e Arou, cuarta etapa, destacan o porto e faro de Laxe, así como Camelle e o Museo de Man. Arou–Camariñas, é a quinta etapa desta ruta que nos achega ao cemiterio dos ingleses e ao cabo Vilán, entre outros puntos. A sexta etapa une Camariñas e Muxía coa súa famosa Virxe da Barca. O faro de Touriñán é un dos moitos atractivos da sétima etapa que une Muxía con Nemiña. A oitava e última etapa lévanos a Fisterra atravesando as súas impresionantes praias, acantilados e rematando no seu faro.
Deseñado pensando nun respecto máximo á natureza, este camiño é unha das mellores formas de achegarse á Costa da Morte para coñecela en profundidade e poder presumir de ter visitado unha das poucas zonas do mundo que conta co maior número de faros en menos quilómetros.
Se che gustou a reportaxe, non se che esqueza compartila!! ; )