Uns meses despois da declaración das mariñas Coruñesas e de Terras do Mandeo como reserva da biosfera, Galicia10 se achega a unha das paraxes singulares dos moitos que podemos encontrar se nos internamos nas 114.000 hectáreas que abrangue este territorio: o lugar de Chelo.
Trátase dunha paisaxe fluvial, en plena natureza, a menos de media hora de cidades como A Coruña e Ferrol e a menos dunha hora de Lugo ou Santiago, polo que é unha boa opción para os que buscan un respiro ao ritmo frenético que impón a cidade.
Ao lugar de Chelo accédese dende a N-VI á altura de Collantres seguindo as indicacións do Couto de Chelo. Ademais de formar parte da reserva dá biosfera, encóntrase no lugar de importancia comunitaria da Rede Natura 2000 Betanzos-Mandeo e foi declarado paraxe pintoresca en 1971.
Situado nun ensanchamento do río Mandeo, é un lugar moi apreciado polos afeccionados á pesca, xa que neste tramo do río conviven troitas, reos, anguías e salmóns. Ademais, os que teñan sorte poderán ver algunha londra, entre a moita fauna que habita esta zona. Destaca este lugar, tamén, pola frondosa vexetación de densos bosques de ribeira que acompañan o curso do Mandeo.
Chelo é idóneo tamén para os amantes do sendeirismo. Dende este lugar pódense facer varias rutas aptas para todo tipo de camiñantes, como a de Canizo a Chelo, de 10,5 quilómetros ou a do Bocelo, de 7,5 quilómetros e que chega ás ruínas do balneario do mesmo nome.
A zona conta con aparcadoiro, unha aula de natureza, un bar e mesas e bancos de pedra para os que se animen a pasar o día, polo que é unha boa opción para pasar unha amena xornada en familia.