Mañá xoves, 16 de febreiro, inaugúrase o hotel O Semáforo de Fisterra, un establecemento nun espectacular enclave que acaba de finalizar as obras de reforma e acondicionamento tanto do hotel como do restaurante.
O Semáforo de Fisterra conta con cinco exclusivas habitacións, cada unha tematizada cun atributo característico da súa localización: a habitación dos naufraxios, habitación dos ventos, habitación stellae, habitación dos faros, e a habitación semáforo.
Dispón dun restaurante aberto ao público, onde se decantaron por unha cociña tradicional, recuperando antigos pratos de puchero e guisos tradicionais desta zona. Todo iso conxugando cunha coidada posta en escena e a máis excelente materia prima da comarca.
O visitante tamén poderá optar pola taberna mariñeira que está anexa ao complexo, O Refuxio, unha opción rápida e informal de repoñer forzas e poder deleitarse das máis espectaculares postas de sol fronte ao Centolo.
A propiedade quixo levar a cabo un novo minicentro de interpretación, para que o viaxeiro teña acceso a información de interese da zona, do faro, dos naufraxios, das lendas, da Costa da Morte, etc. A través de tecnoloxía NFC e códigos QR, desenvolveuse un pequeno circuíto a través do cal o visitante poderá ter información de 12 puntos de interese cultural, histórico e patrimonial dunha maneira amena, cómoda e autónoma.