Situar Galicia entre os principais destinos nacionais e internacionais para a celebración de eventos é o obxectivo do proxecto que, por primeira vez, vai unir ás principais organizacións profesionais e empresariais do sector galego de congresos. Co apoio da Axencia Turismo Galicia e do Clúster de Turismo, a iniciativa pretende sumar esforzos na realización dun programa de promoción do sector MICE (meetings, incentives, conferences and exhibitions), que potencie a comunidade como destino dun segmento turístico que move en Galicia ao redor dos 60 millóns de euros anuais.
Para logralo, presentarán esta iniciativa este xoves en Madrid ante os principais axentes do turismo de eventos a nivel nacional. No marco deste acto presentarase a Guía Galicia MICE que reúne os principais recursos galegos deste sector.