Nun ámbito de 34 quilómetros cadrados conviven serra e mar; praias de fina area rivalizan en beleza con piscinas fluviais; o patrimonio natural mestúrase co histórico, protagonizado por igrexas e casas nobres; e no corazón do municipio levántase, maxestosa, a Casa Museo de Valle Inclán.
Dende 2004, A Pobra do Caramiñal é municipio turístico galego grazas á conxunción de todos estes recursos. Situada entre a serra de O Barbanza e a Ría de Arousa, A Pobra do Caramiñal nace da unión en 1822 da nobiliaria Pobra do Deán e da tradicional e mariñeira Caramiñal. A suma das dúas é a orixe dos seus contrastes.
PATRIMONIO HISTÓRICO ARTÍSTICO
Unha das principais características desta localidade é o seu casco histórico. Propoñemos comezar o percorrido na Praza Maior, onde se encontra a casa mariñeira, unha tradicional vivenda como as que eran habituais no século XIX reconvertida en oficina de turismo. Dende aquí abonda con cruzar a rúa para admirar a igrexa de Santiago do Deán.
Trátase dun edificio do gótico mariñeiro dunha soa nave á que se engadiron sete capelas laterais. A igrexa está acompañada pola Casa Grande de Aguiar, cuxas orixes proveñen dunha torre do século XVI que foi ampliado no XVIII; e o Pazo do Couto e a súa rechamante balaustrada. Moi preto pódese visitar, tamén, a Casa Grande dos Montenegro e as casas de Rábago e da Estrela.
Volvendo á Praza Maior e continuando pola rúa que discorre paralela aos xardíns de Valle Inclán, se seguimos avanzando chegaremos ao Concello, un palacete do século XIX en cuxa parte de atrás, subindo unhas escaleiras, se ergue a igrexa de Santa María A Antiga cun destacado rosetón na súa fachada.
Entre esta zona e a praia, sitúase o Museo de Valle Inclán, unha construción que é un dos mellores exemplos da arquitectura civil renacentista de Galicia. Cunha torre, restos dun corredor exterior e ornamentos clasicistas como gárgolas e personaxes mitolóxicos, foi a vivenda dos pais do escritor. No museo encóntranse documentos e manuscritos orixinais e material escénico, entre outros obxectos. Moi preto pódese ver a fachada da Casa da Cadea, antigo cárcere xurisdicional do vizconde de Xunqueiras.
Fóra do núcleo histórico existen importantes construcións como as do Pazo de Xunqueiras, declarado monumento nacional e o conxunto parroquial do Xobre, no que destacan a reitoral e a igrexa dos séculos XVIII e XIX.
OUTROS ATRACTIVOS
A Pobra do Caramiñal conta cun gran número de praias de area branca e fina, aínda que destacan a urbana do Areal e A Lombiña-Cabío, a primeira bandeira azul da zona.
Dende o punto de vista natural, sobresaen os miradoiros, como o da Curotiña, dende o que se divisa a costa atlántica; e as piscinas fluviais naturais como a do río Pedras.
Ademais, entre as festas merece especial mención as do Nazareno, en setembro, declarada festa de interese turístico de Galicia e que resulta moi rechamante pola procesión na que os ofrecidos portan ataúdes.