É o primeiro ano que o San Xoán é festivo na Coruña e Galicia, motivo máis que suficiente para que toda a cidade se envorque na celebración máis especial do calendario coruñés, cunhas festas que durarán 10 días e que pretenden chegar a todos os públicos, tanto en gustos coma en idades.
A Coruña prepárase para a súa celebración máis importante do ano: o San Xoán, unha conmemoración que conta coa declaración de festa de interese turístico nacional e que aspira a recibir o título internacional. A noite meiga por excelencia festéxase en todos os cantos de Galicia pero é nesta cidade onde se vive de forma especial por parte dos seus habitantes e visitantes. Non hai rúa, barrio ou zona que non conte con cacharelas e sardiñadas salpicando a paisaxe urbana e as praias, especialmente Riazor e Orzán, convértense no eixe central para conmemorar o solsticio de verán. Ese día, ningún cidadán queda na casa: os coruñeses toman a rúa.
Pero A Coruña quere máis e, unha vez que a noite está máis que consolidada, dende o Concello apostouse por recibir o San Xoán como merece: con 10 intensos días de festa na que se desenvolverán todo tipo de actividades nas que á tradición se suman propostas musicais, deportivas e ocio para os máis pequenos.
Se nos últimos anos máis de 100.000 persoas inundaron os areais coruñeses, en 2013, sendo San Xoán festivo, espérase superar todas as previsións e, por iso, haberá un dispositivo especial velando pola seguridade de todos os participantes. Ademais, preténdese lograr unha celebración sostible e que os cidadáns se somen á limpeza da praia. Por primeira vez repartirase madeira, a mesma noite do día 23, entre as 20:00 e as 22:00 horas.
Programa de actividades
Ás tradicionais citas de San Xoán que a Comisión Promotora, cos seus meigas á fronte, leva celebrando anos na cidade, este ano únese un completo programa de actividades. A música será unha das protagonistas co concerto de Alejandro Sanz o día 15 no Coliseo, a actuación de Homes G o día 21 na praza de María Pita, o Bipolar Fest que reunirá os días 21 e 22 a máis de 50 artistas locais no Parque de Santa Margarida; ou a verbena da propia noite de San Xoán coa Orquestra Panorama como protagonista.
A celebración aspira a obter a declaración de festa de interese turístico internacional
Os nenos vivirán o San Xoán de forma intensa, xa que o mesmo 24 de xuño se celebrará o San Xoán Pequeniño en María Pita: circo, teatro, música e obradoiros farán as delicias dos máis pequenos da casa, que tamén terán actividades pensadas para eles o día 16 no parque de Santa Margarida e o 22 nos xardíns de Méndez Núñez.
Ademais, como xa sábese que “Por San Xoán a sardiña molla ou pan” se celebrarán sardiñadas tradicionais: o día 16 no parque de Santa Margarida e o 18 no peirao de Trasatlánticos. O 16 de xuño realízase o día do deporte na rúa e o 21 unha noite branca no comercio coruñés. Por outra parte, do 17 ao 23 deste mes os barrios coruñeses e as súas zonas comerciais contarán con actividades de dinamización para todos os públicos.
Todo está listo xa para este intenso programa que arrancará o próximo sábado, 15 de xuño, e que culminará coa festa do día 23, cando pouco antes de media noite se celebre a Noite da Queima, cos lumes artificiais e a queima da falla, punto de inicio da noite máis máxica e corta do ano.