Co mes de febreiro chega a celebración do Entroido e todos sabemos o que lle gusta aos peques disfrazarse. Por iso propoñemos unha escapada en familia ao epicentro do Entroido galego: Ourense.
Galicia é unha das comunidades nas que o Entroido se vive de forma máis intensa. Non hai localidade nin municipio que, dunha ou outra forma, non o celebre. Con todo, se queremos gozar dun Entroido tradicional, non hai mellor lugar que a provincia de Ourense que, con seis festas declaradas de interese turístico, convértese na raíña desta celebración: personaxes propios ataviados con orixinais pezas e accesorios de vivas cores que chamarán a atención dos máis pequenos, festas gastronómicas tradicionais e unha gran implicación dos veciños que reciben cos brazos abertos aos visitantes son as súas principais características. Pasarrúas, charangas e actividades pensadas para os máis pequenos, desde desfiles específicos a inchables ou xogos tradicionais que adoitan celebrarse, sobre todo, o luns de entroido son algúns dos seus atractivos á hora de pasar uns días en familia. Iso si, é obrigatorio disfrazarse e contaxiarse do ambiente festivo. Aburrirse está prohibido.
Á hora de aloxarse o ideal é buscar unha casa rural para descansar e recobrar forzas despois de tanta festa, rodeados de natureza, onde os máis pequenos poidan gozar de actividades ao aire libre como o sendeirismo, o aluguer de bicicletas ou a agricultura ecolóxica. Neste sentido, O Retiro do Conde, en Verín, ou a Facenda Airabella, en Viana do Bolo, poden ser dúas boas opcións. Ambas dispoñen, ademais, de berces e camas supletorias.
Considerado o Entroido máis longo de España, e declarado de Interese Turístico Nacional en 1996, conforma xunto con Verín e Laza o chamado triángulo máxico do Entroido.
O seu personaxe central é a Pantalla, que se encarga de manter a orde durante a festa e vixiar que todo o mundo vaia disfrazado. O día máis destacado é o martes de Entroido co tradicional desfile de carrozas que conta cunha gran participación e con disfraces do máis variado. Sen dúbida un día de moito colorido e diversión. Aínda que o verdadeiro día dos nenos é o venres grazas a desfiles, concursos e espectáculos.
Este Entroido tamén conta coa declaración de Festa de Interese Turístico Nacional desde 2009. O cigarrón, cun traxe duns 25 quilos, é o gran protagonista e, sen dúbida, o seu día é o Domingo Corredoiro (anterior ao de Entroido) cando fan a súa aparición estelar saudando e fustigando aos fregueses á saída de misa. Aínda que o domingo, luns e martes de Entroido tamén están cheos de actividades. Sen ir máis lonxe, os nenos son os protagonistas o luns, con moitas actividades que adoitan celebrarse no pavillón de deportes da localidade. En concreto, este ano a celebración infantil contará con disco móbil, karaoke e xogos dirixidos por varios monitores. Para os máis pequeniños, ademais, haberá inchables. A festa celebrarase pola tarde e o acceso é gratuíto para todos os menores que queiran achegarse.
Este Entroido, que presume de ser dos máis enxebres de Galicia, é Festa de Interese Turístico da comunidade desde o ano 2000. O Peliqueiro, figura que se remonta ao século XV e na que destaca o seu enorme chapeu con figura animal, é o seu personaxe principal.
Aínda que as actividades comezan co inicio do ano, o Luns de Entroido é un dos días máis destacados con varias propostas como A Farrapada, A Xitanada e A baixada da Morena. Tampouco falta a gastronomía coa celebración, o Venres de Folión (venres de Entroido) da Festa Gastronómica da Cachucha, a Bica Branca, Xastré e licor café.
De Interese Turístico de Galicia desde 1999, o Entroido de Viana do Bolo caracterízase por contar cun personaxe emblemático, o boteiro, que porta unha pantalla adornada de papeliños de cores de ata un metro de longo, e pola festa da Androlla -embutido de porco típico da comarca- que se celebra o domingo de Entroido. O luns, como en moitos outros concellos, é o día dedicado aos nenos. É, probablemente, o entroido máis antigo de Galicia, transcorre na rúa e nel todo o mundo é benvido.
E se aínda nos quedan ganas de festa, Manzaneda, cun Entroido declarado de Interese Turístico de Galicia desde o ano 2008, conta coa Mázcara como personaxe tradicional. Ademais, recentemente declarado de Interese Turístico de Galicia, o Entroido de Maceda, ten como protagonistas aos felos, personaxes tan antigos como os peliqueiros ou os cigarróns e que realizan un percorrido por todas as parroquias do Concello.
Escaparse ao Entroido en Ourense é unha forma moi distinta de vivir estas festas e servirá, ademais, para que os pequenos poidan coñecer esta celebración tan tradicional e familiarizarse con algunhas das nosas tradicións e manifestacións culturais.
Fotos cedidas polos concellos de Verín y Xinzo de Limia
Tamén podes consultar esta reportaxe na revista mamimagazin.com na sección Escapada en familia.