TEXTO: LUCÍA CASANOVA / FOTOS: CEDIDAS POR CONCELLO DE RIBADAVIA
A do Ribeiro é a denominación de orixe máis antiga de Galicia e a festa na súa honra chega ás 50 edicións coincidindo co primeiro fin de semana de maio. Unha oportunidade única para visitar Ribadavia e deixarse levar pola oferta cultural, gastronómica e lúdica deste evento.
A Feira do viño do Ribeiro chega aos seus 50 anos de vida e, para celebralo, o primeiro fin de semana de maio, entre o 3 e o 5, Ribadavia celebra unha nova edición cargada de propostas e con moitas novidades que, seguro, farán as delicias dos seus miles de visitantes. Por algo é a denominación de orixe máis antiga de Galicia e conta coa declaración de interese turístico nacional.
AS ORIXES
Nestas terras ourensanas, rodeadas das augas dos ríos Miño, Avia, Arnoia e Barbantiño, cultívanse as vides das que nace un famoso caldo galego do que, en plena idade media, reis e nobres europeos regaban as súas comidas e ceas.
O ribeiro ten séculos de historia, dende os romanos, pasando polo seu papel no descubrimento de América (é o primeiro viño europeo que se levou a este continente), sen que se nos esquece o importante papel dos monxes dos mosteiros de San Clodio e Oseira.
Das cinco denominacións de orixe de Galicia, é a máis antiga, dende 1957, e dende 1964 celébrase, en Ribadavia, unha festa que exalta as calidades deste viño.
A FESTA
Entre o venres 3 de maio e o domingo 5 de maio, Ribadavia volve converterse en capital do Ribeiro coa celebración da 50ª edición da Feira do viño do Ribeiro. Como vén acontecendo nos últimos anos, a organización preparou unha serie de novidades para sorprender os miles de visitantes de toda Galicia e outras rexións que se achegan cada edición. Entre elas destaca un concurso de cociña que utiliza este caldo entre os seus ingredientes e no que participan as escolas de hostalaría galegas.
O evento comezará o venres coa cata popular que se desenvolverá entre as 18:00 e as 20:00 horas, aínda que a inauguración oficial será ás 19:00 horas da man do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan José Casares Long. O sábado, entre outras actividades, destacan a Xuntanza provincial de gaitas ou un showcooking con cociñeiros como Benigno Campos, que ofrecerá un taller de cociña tradicional no que utilizará o viño tostado da denominación de orixe; ou Pepe Solla e as súas receitas de alta cociña. Ademais o recinto estará aberto de 11:00 a 22:00 horas. Este será o mesmo horario do domingo. Día no que se realizará a entrega de premios ás 19:00 horas.
Todo isto acompañado por actuacións musicais e diferentes actividades de animación, sen esquecerse o exitoso tren dos viñedos, que ofrece inesquecibles rutas pola zona e das visitas tanto ao castelo coma á reitoral de Santo André.
Ademais, aínda que a festa comeza, de forma oficial, o 3 de maio, dende finais de abril haberá diversas actividades, como un curso da UNED que repasa a historia da festa ou varias exposicións sobre os 50 anos da celebración e sobre os carteis que se presentaron a esta edición.
Sen dúbida é unha boa ocasión para coñecer de preto esta terra e os seus caldos. Aquí deixámosvos o enlace ao número 10 da nosa revista que contén a reportaxe que dedicamos a esta localidade por se vos apetece facer unha escapada. NÚMERO 10 DE GALICIA10
Máis información en:
RIBADAVIA.ES
RUTADELVINORIBEIRO.COM
Se che gustou a reportaxe… Non che esqueza compartilo!! ; P