Non hai tradición española máis saudable e máis internacional que o tapeo, un costume que, coa crise, se converteu nunha alternativa máis económica á hora de comer ou cear fora de casa. Nos últimos anos esta afección gastronómica recibiu un impulso coa celebración de concursos e rutas que se realizan en, practicamente, todas as localidades da xeografía, o que obrigou os organizadores a tratar de innovar e buscar elementos diferenciadores. É o caso de Santiago(é)Tapas, un dos eventos gastronómicos máis sinalados do calendario galego.
Celebrará a súa VI edición dende mañá, xoves 7 de novembro, ata o próximo 24 deste mesmo mes con récord de participación: un total de 66 establecementos e 109 petiscos que farán as delicias dos clientes dos locais e que foron seleccionados por un esixente xurado que destacou a gran calidade dos candidatos desta edición, xa que foi o ano con menos tapas excluídas.
Santiago(é)Tapas ofrece, polo tanto, pequenos bocados de calidade aos participantes grazas a este coidado proceso de selección, pero tamén un grande abano de posibilidades, xa que se deseñaron un total de 5 rutas que discorren por distintas zonas da cidade e en torno a lugares emblemáticos como o Obradoiro, praza Cervantes, praza de Galicia, praza Roxa ou o Camiño francés, aglutinando así tanto aos locais máis tradicionais da zona histórica como aos que se sitúan na zona nova. Deste modo, cada persoa pode elixir a peregrinación gastronómica que máis se adecúe aos seus gustos ou ao barrio máis próximo.
Esta edición de Santiago(é)Tapas concederá 6 premios ás mellores creacións gastronómicas. En concreto, un xurado formado por cociñeiros, xornalistas gastronómicos e seguidores deste evento elixirá as tres mellores tapas e unha máis a base de conservas. Mentres que o público seleccionará dous: a mellor tapa e o premio do público.
A VI edición celébrase do 7 ao 24 de novembro cun total de 66 locais participantes
Os clientes poderán degustar a mellor cociña en miniatura por un prezo de 2 euros e dispoñerán do tapasporte co que poderán optar a premios directos completando as distintas (é)tapas. Ademais, este ano o público tamén dispoñerá dun tapasporte expreso, unha versión reducida e máis intensiva.
Con esta iniciativa, tanto Hostalaría de Compostela coma Turismo de Santiago pretenden impulsar o turismo gastronómico da capital galega, xa famosa pola súa oferta culinaria e un referente á hora de tomar viños e tapas.
Santiago(é)Noite
A singularidade deste evento vén dada, entre outras cuestións, pola celebración doutra actividade paralela moi relacionada, tamén, co mundo da hostalaría: trátase de Santiago(é)Noite.
Baixo este nome agrúpase un total de 10 locais da cidade que, durante o período de celebración de Santiago(é)Tapas, ofrecerán cócteles e combinados a un prezo de 3,5 euros. Este ano os establecementos serán: Armaría, Atlántico, Bolengo, Casa dásCrechas, Garoa, Kapital, La Flor, ou Boneco, Retablo e Sónar.
Santiago(é)Noite é o complemento perfecto para rematar o día de tapas e viños pola capital galega.
MÁIS INFORMACIÓN EN