PACIO DE DONAS.
ALBARIÑO FERMENTADO EN BARRICA, 2013.
Creada en 2012, é en novembro de 2013 cando AtriumVitis se presenta en sociedade co que naquel intre sería o primeiro albariño fermentado en barrica elaborado na Ribeira Sacra. Nacía así Pacio de Donas, un prometedor proxecto pechado en pouco máis de cinco mil botellas, froito do ollo avezado e bo oficio de Ana Gadín e Javier Mendoza, que souberon atopar e optimizar o potencial que as particularidades dos seus viñedos asentados na subzona Quiroga-Bibei ofrecían para a elaboración do seu peculiar viño.
Os bos resultados obtidos coa súa primeira colleita respaldan a boa labor realizada. O prometedor 2012 soubo expresarse e respostar sobradamente ás expectativas sendo recollido o testemuño por un 2013 máis maduro, máis asentado, en definitiva, máis adulto.
Nun primeiro intre atrae a nosa atención a súa incipiente turbidez, conscente pola ausencia de filtrado, trala que persiste unha indiscutible xuventude velada, asomando un viño enteiro, franco, nada castigado. A vivacidade dos matices tropicais, o frescor das froitas de óso, unido en perfecta harmonía e equilibrada proporción á calidez dos elegantes torrefactados e os delicados recordos de froitos secos e coiros de laranxa, delatan a premeditada complicidade do albariño e a treixadura nun abrazo de veteranas madeiras, a todas luces ben tratadas, de indiscutible presenza, pero para nada excesivas. En boca aventúrase froitoso, xeneroso en lembranzas do varietal, sabroso, afinado polos apuntes terciarios. O resultado é un grolo equilibrado, redondo, longo.
Versátil na mesa, dará sobradamente a talla como acompañamento ideal en elaboracións da cociña tradicional galega como a lamprea afumada rechea sobre tosta de pan de Cea, un arroz meloso de pasas, cogumelos e queixo de tetilla ou o capón de Vilalba con cirolas e castañas.
Alberto Román García Cancio.
Mestre e pedagogo de formación, aínda que hostaleiro de corazón, comeza a súa andaina profesional no ano 99, xunto co seu socio e amigo, coa posta en marcha de dous proxectos: o Café-Pub Cortello e a Taberna El Cabás, ambos en Ribadeo (Lugo) e á fronte dos que seguen na actualidade.
Orgulloso da súa vocación, eminentemente autodidacta, complementa e enriquece a sea profesión con actividades formativas de diversa índole no ámbito da sumillería. Membro do Club de Cata Vitislucus, profundiza no campo da análise sensorial vinculada á Asociación de Sumilleres de Galicia “Gallaecia” da que foi, durante catro anos, membro da súa Xunta Directiva.