Martes de Entroido, a festa está garantida en, practicamente, toda a xeografía galega. Galicia10 repasa algunha das citas máis importantes.
Xinzo de Limia, o concello co Entroido máis longo de España, acolle desde as 17:00 horas o Gran desfile de carrozas e comparsas ao que seguirá a actuación da orquesta Abanico.
Tamén en Verín se celebra ás 17:00 horas o Gran Desfile no que non faltarán os cigarróns. A orquesta Palladium e o grupo Aché amenizarán a verbena.
En Laza todo esta preparado xa para o desfile de carrozas, a lectura do testamento, o Enterro do Entroido e o loito dos peliqueiros.
Día grande tamén no Entroido de Cobres, Vilaboa, onde se celebra o día da Corrida do Galo con múltiples actividades, unha queimada e fogos artificiais.
Maceda celebra este martes de Entroido co seu tradicional desfile de disfraces.
Mentres, Os Xenerais da Ulla participarán, desde as 18:00 horas, no desfile de Antroido de A Estrada.
Viana do Bolo será esceario da gran fariñada e o desfile de Folións, xornada que finalizará a medianoite coa queima dos Lardeiros.
Xornada importante en Manzaneda co desfile de fulións ás 11:30 horas; a comida popular a base de chourizo, empanada, carne ao caldeiro e bica ás 14:00 horas.
As grandes cidades tamén vivirán esta xornada de Entroido, especialmente A Coruña, que celebra un dos seus días grandes cunha filloada popular desde as 12:00 horas no Campo da Leña e cos concursos infantís de disfraces e choqueiros así como a gran Festa Choqueira.