DESFRUTAMOS DO XXXVI CONCURSO DE PRATOS DE MEXILLÓN DE AMEGROVE
A pesar do mal refacho que está a sufrir este ano un dos bivalvos máis apreciados de Galicia, o mexillón, deixou claro que segue sendo un ingrediente esencial da nosa gastronomía e que se adapta a todo tipo de pratos. Así o puideron comprobar todos os que o pasado sábado, 11 de outubro, se achegaron ao Grove para gozar do XXXVI Concurso de Amegrove de pratos de mexillón 2014, que se celebrou no marco da LI Festa do Marisco desta localidade.
Un total de 38 pratos presentáronse a esta edición que contaba, coma aliciente, con importantes premios económicos. Non só en número, senón en calidade e variedade destacaron as propostas dos concursantes. Dende as máis tradicionais como mexillóns en escabeche ou acompañados de pasta, a pratos con castañas, algas ou mazás, ou mesmo como base para realizar pan. Houbo quen se atreveu, mesmo, cunha sobremesa con mexillón como ingrediente principal.
O xurado, no que participou o director de Galicia10 Borja Calvo, contou tamén coa colaboración de José Manuel García, presentador do programa da Radio Galega Come e Fala, Alberto Ribas, do blog Máis Grelos, e o cociñeiro Paco Caneda. Tras a degustación dos 38 pratos, este foi o resultado para as dúas categorías, gusto e presentación.
Con esta iniciativa, que xa é unha cita obrigada dentro da Festa do Marisco, Amegrove, que é unha das cooperativas máis importantes da nosa comunidade, pretende seguir dando a coñecer a calidade e beneficios do mexillón, ademais de demostrar a súa versatilidade na cociña cun concurso que obriga aos seus participantes a ser creativos e a facer propostas do máis imaxinativas, como puidemos comprobar a pasada fin de semana.
OS PREMIADOS
PRIMEIRO PREMIO AO GUSTO: Mexillón co seu consomé de cocción e alga tosaka vermella do Casino A Toxa. 1.000 euros.
SEGUNDO PREMIO AO GUSTO: Harmonía monte e ría de Francisco Javier Castro. 500 euros.
TERCEIRO PREMIO AO GUSTO: Mexillón 2014 de Gregorio García. 250 euros.
PRIMEIRO PREMIO Á PRESENTACIÓN: Mexillón gold de Javier García. 700 euros.
SEGUNDO PREMIO Á PRESENTACIÓN: Bombón de ouro de Enrique Vilas. 400 euros.
TERCEIRO PREMIO Á PRESENTACIÓN: Mexillón 2014 de Gregorio García: 200 euros.
ALGÚNS PRATOS MÁIS
VÍDEO
O GROVE NO MAPA
LINKS DE INTERESE
SE CHE GUSTOU A NOSA REPORTAXE, NON TE ESQUEZAS DE COMPARTILO!!! ; )