Onte inaugurouse en Santiago o Foro do sector termal en Galicia no que se abordan as estratexias de crecemento, a internacionalización do turismo termal galego, a innovación e a competitividade aplicada ao termalismo, e no que tamén se presentou o Plan Ourense, a provincia termal.
Baixo o epígrafe O sector termal galego. Estratexias de crecemento e retos de futuro, no foro danse cita expertos en termalismo, académicos e representantes institucionais, que expoñen as últimas novidades do sector termal así como as liñas estratéxicas de xestión e promoción do termalismo.
No acto, o presidente da Deputación provincial de Ourense, Manuel Baltar, explicou que o cen por cen das prazas de turismo termal que se puxeron a disposición da cidadanía o ano pasado estiveron ocupadas e ratificou que en 2015 a provincia de Ourense reforzará a súa oferta con dous novos balnearios, en Cortegada e O Carballiño, que sumarán unhas 200 prazas máis.