A Deputación da Coruña amplía ata o próximo 28 de marzo, con motivo da Semana Santa, os horarios e servizos de atención a visitantes dos diversos monumentos e edificios que forman parte do patrimonio histórico-artístico provincial.
Durante estes días, o Pazo de Mariñán, en Bergondo, permanecerá aberto ao público desde as 11 ata as 18 horas e ofrecerá visitas guiadas cada 45 minutos.
O Dolmen de Dombate, situado en Cabana de Bergantiños e considerado a catedral do megalitismo galego, poderase visitar todos os días entre as 9 e as 21 horas e habilitaranse visitas guiadas.
Tamén na Costa da Morte, a Deputación ofrece a posibilidade de visitar as Torres do Allo, en Zas, entre as 11 e as 20 horas, e o Forno do Forte , en Buño (Malpica) entre as 11 e as 14 e de 16 a 20 horas, fóra dos luns e domingos pola tarde, que permanecerá pechado.
O mosteiro de Caaveiro, nas Fragas do Eume, permanecerá aberto entre as 9 e as 20 horas e como cada ano contará cun servizo especial de transporte en autobús desde o centro de interpretación ata o mosteiro que estará en funcionamento desde as 10:30 ata as 18:30 horas.