Hoxe comeza en Lugo o programa oficial das festas de San Froilán que ata o próximo día 12 ofrecerá máis de 200 actividades.
Entre as novidades dedicarase un día ao Camiño Primitivo, recentemente declarado Patrimonio da Humanidade, un concerto a Manuel María a cargo da Quenlla, ademais dunha exposición fotográfica e documental sobre a historia do San Froilán.
Por outra banda, o programa de festas ofrece as actuacións de Fuel Fandango, Loquillo, Abraham Mateo, Bebe, Carlos Núñez, Kepa Junquera e a Orquestra de Jazz de Galicia, María do Ceo coa Banda Municipal de Lugo e Roi Casal. Tamén haberá música de orquestras e de artistas locais. Completan a programación San Froilán Miúdo, para os pequenos da casa, unha feira medieval, o desfile de gando autóctono, competicións deportivas e, por suposto, as casetas do tradicional polbo.