O Mosteiro de Caaveiro recibiu máis de 7.400 visitas durante o mes de xullo. A maioría de turistas, 5.092, decidiron coñecer pola súa conta o mosteiro, mentres que outras 2.316 apostaron polas visitas guiadas que ofrece a Deputación.
Para facilitar o acceso ao mosteiro e ao parque natural, o ente provincial tamén ten en marcha ata o 14 de setembro un servizo gratuíto de autobuses que xa utilizaron 2.909 persoas. Os vehículos parten cada hora aproximadamente dende as 10:30 da mañá do centro de interpretación das Fragas do Eume e o último autobús sae ás 20:00 horas. Os autobuses teñen un percorrido de ata catro paradas coas que se pode acceder dende calquera delas. A primeira é no portal de Estoxa, onde se lles proporciona información aos turistas sobre as posibilidades das visitas. Despois o autobús detense no museo etnográfico, onde se pode iniciar a ruta ao Mosteiro de Caaveiro polo Pazo. Unha terceira parada sería no parque etnográfico e a terceira no aparcadoiro A Ventureira, especialmente útil para os que chegan ata A Capela en coche xa que aquí poden deixar estacionado o seu turismo.
Outras posibilidades nestas datas, nas que se prohibe o acceso en coche particular, son as bicicletas ou subir a pé, xa que hai moitos sendeiristas que apostan por esta opción.