Practicamente todas as localidades galegas viven a Semana Santa dende o punto de vista relixioso coa celebración de procesións. Non obstante hai varias localidades que destacan e que, ano tras ano, reciben miles de visitantes.
FERROL
Declarada de interese turístico internacional, ofrece a visitantes e veciños máis de 20 procesións, sendo o xoves e o venres santo, os días nos que máis fieis se dan cita. SEMANASANTAFERROL.ORG
VIVEIRO
Tamén declarada de interese turístico internacional, destaca por ser unha das máis antigas de Galicia, pola cantidade de turistas que se achegan e polo seu valor artístico. SEMANASANTAVIVEIRO.COM
FISTERRA
Declarada de interese turístico nacional, as procesións celébranse dende o venres de Dolores, aínda que unha das súas peculiaridades é a representación da resurrección que se celebra cada Domingo de resurrección (5 de abril). CONCELLOFISTERRA.COM
CANGAS
Declarada de interese turístico de Galicia, é outra das celebracións clásicas da nosa comunidade. Destaca, entre outras a procesión da Santa cea, o Xoves Santo. CANGAS.ORG
XXIVFEIRA DO REQUEIXO E DO MEL DE AS NEVES
O venres, 3 de abril celébrase unha nova edición desta festa gastronómica declarada de interese turístico de Galicia. ASNEVES.COM
XXIX FEIRA DA D.O CEBREIRO
Un dos deliciosos queixos galegos con denominación de orixe, o do Cebreiro conmemora o seu día cunha feira que se realiza o venres 3 de abril. CEBREIRO.ES
XIX FESTA DO CONGRO
En plena Costa da Morte, o venres Muxía celebra unha nova festa gastronómica que inclúe degustación de congro. CONCELLOMUXIA.COM
XXI FESTA DA RAIA DE PORTONOVO
Un dos concellos turísticos galegos por excelencia, Sanxenxo, celebra, venres e sábado, a Festa da raia. SANXENXO.ES
XXXIII FEIRA DO VIÑO DE QUIROGA
O concello da provincia de Lugo celebra o sábado e o domingo unha nova edición da súa tradicional feira que inclúe, ademais de exposición de produtos no recinto feiral, concursos, actividades musicais, culturais e de animación. CONCELLODEQUIROGA.COM
XXI FESTA DO QUEIXO SAN SIMÓN DA COSTA
Tras a finalización do concurso de tapas dedicado a este produto o día 4, Vilalba celebra o sábado e o domingo esta festa. VILALBA.ORG
XLV FESTA DA AUGARDENTE DE PORTOMARÍN
O domingo, 5 de abril, o concello de Portomarín rende homenaxe a un dos seus produtos de máis fama: a augardente. CONCELLODEPORTOMARIN.ES
Baixa a actividade en salas e teatros galegos e o máis destacado destes días son o II Festival de Contacontos en Inglés que realiza o Teatro Colón da Coruña do 2 ao 5 de abril e o concerto de Rodrigo Romaní, o venres, 3 de abril ás 21.00 horas no Auditorio Municipal do Concello en Vigo.
EQUIOCIO 2015
O recinto feiral suma unha nova edición deste clásico da Semana Santa ferrolana con actividades para gozar en familia, que complementan o concurso de saltos. Será do 2 ao 5 de abril. EQUIOCIO.ES
XXV MOSTRA DO ENCAIXE DE CAMARIÑAS
De mércores a domingo, esta localidade coruñesa rende homenaxe a unha das artesanías máis famosas de Galicia. Como é habitual haberá concursos e desfiles e unha ampla programación complementaria dirixida a toda a familia. CAMARINAS.NET
FESTAS DO SANTO CRISTO FISTERRA
De forma paralela á celebración relixiosa, Fisterra acolle, de sábado a luns estas festas que inclúen as actuacións de diversas orquestras, charangas e xogos infantís. CONCELLOFISTERRA.COM
XIII FEIRA MEDIEVAL DE MONFORTE
Monforte de Lemos celebra o sábado e o domingo a XIII Feira Medieval que, ademais das actividades tradicionais e o mercado, inclúe varios concursos de traxes e decoración. MONFORTEDELEMOS.ES
Estas son só as nosas propostas, pero Galicia terá moitas máis citas durante estes días. Se queres destacar os teus eventos favoritos ou as festas da túa cidade ou pobo, animámoste a que poñas un comentario nesta páxina ou nas nosas redes sociais!!! ; )