FOTOS CEDIDAS POLO RESTAURANTE ACIO
Iago Castrillón, xefe de cociña galego nacido en Vilanova de Lourenzá, dirixe dende 2008, xunto coa sumiller Eva Pizarro o restaurante Acio. Situado en pleno corazón compostelán, a escasos metros da catedral de Santiago, o local acaba de recibir o premio Restaurante Revelación 2013 de Madrid Fusión. O seu imparable ascenso e o uso de produtos galegos de calidade que compra a diario no mercado de abastos ou que recolle do seu propio horto foron as claves.
Esperaba ser galardoado como Restaurante Revelación?
A verdade é que non contabamos con iso, había locais de gran nivel, con instalacións moito mellores que as nosas… co cal non pensabamos que a crítica se decantase por nós. Finalmente, así foi, co que nos alegra especialmente xa que se valorou a nosa cociña e servizo.
Como cre que vai afectar ao restaurante?
Cremos que vai ser un grande empuxón para situarnos ao nivel dunha serie de restaurantes de gran prestixio, estaremos no mapa a nivel nacional e vainos dar a coñecer un público moito máis amplo.
A profesionalización do sector é o camiño para posicionar a cociña galega ao lado de potencias como o País Vasco
Unha das razóns polas que foi recoñecido é a selección de ingredientes “o mellor da despensa galega”, que peso ten o produto na súa cociña?
Para nós o produto é o mais importante, máis en Galicia onde gozamos dun produto de alta calidade tanto en carnes, mariscos, pescados… logo está a técnica que un lle queira achegar para diferenciarse, para darlle ese toque persoal ao prato, pero sempre partimos dun produto de calidade.
Cociña tradicional e contemporánea poden ser complementarias?
Totalmente, a cociña contemporánea ten as súas bases na cociña tradicional, non creo que sexan conceptos contrapostos, senón que unha é a evolución da outra, pero si, como non van poder convivir?
Cal é a marca persoal do restaurante?
Ben creo que o que quizais nos fai diferentes, é que facemos unha cociña moi fresca, moi intuitiva, intentamos darlle a volta ás cousas pero mantendo a súa esencia, sen perder de vista nunca que o sabor é o esencial, a partir de aí xogamos con técnicas, presentacións, unha oferta diferente de viños e destilados…
E a profesionalización de todos os que formamos parte deste equipo, a implicación e vocación de todos nós.
O noso reto é que os nosos clientes gocen cada día un pouquiño máis
Cre que a cociña galega está ben posicionada ou queda traballo por facer?
A cociña galega está en auxe, aínda que aínda nos queda camiño para posicionarnos ao lado de potencias como Cataluña, País Vasco, e creo que o camiño para logralo é a profesionalización do sector.
Cal é o seguinte reto? Sumar unha nova estrela Michelín para Galicia?
A Estrela non depende de min, o noso reto é seguir traballando como ata agora e que os nosos clientes gocen cada día un pouquiño máis coas nosas propostas.
MÁIS INFORMACIÓN EN:
Se che gustou a entrevista… Non se che esqueza compartila!! ; P