Un total de 68 empresas coruñesas participan na Plataforma de Turismo Industrial impulsada pola Deputación da Coruña co obxectivo de facer das visitas turísticas un complemento da actividade das PEMES, para promover produtos autóctonos e, en definitiva, para dinamizar a actividade económica.
O proxecto xa está na súa última fase consistente na creación de rutas, experiencias, paquetes turísticos e unha aplicación para smartphone, así como unha web específica (turismo.dicoruna.es/industrial/es).
A provincia conta con 5 zonas que forman parte do proxecto: Ferrolterra, Eume e Ortegal baixo a temática Natureza e Enerxía; A Coruña e Bergantiños co eixe Construíndo o cotián; Costa da Morte e Barbanza coa ruta O Mar e os seus oficios; As Mariñas Betanceiras constitúen Reinventando a alimentación; e Compostela e o interior coruñés que forman parte de Camiños de terra e auga.