
Desde este xoves, 11 de decembro, e ata o sábado 13, a capital de Galicia celebra unha edición especial do evento Compostela Gastronómica, que incluirá un ciclo de 12 obradoiros dirixidos ao público adulto.
Os afeccionados á cociña, e tamén aqueles interesados na arte de ser un bo anfitrión, poderán aprender as técnicas e os segredos de profesionais tan recoñecidos como Abraham García, xefe de cociña do restaurante madrileño Viridiana, un dos máis prestixiosos da capital; a australiana Sarah Stothart, especializada en repostería e cociña exótica; a sumiller Eva Pizarro; o experto en coctelería Diego Mosquera ou o panadeiro artesán Guillermo Moscoso, entre moitos outros.
Compostela Gastronómica é un evento que naceu o pasado mes de setembro para promocionar a cidade de Santiago como destino gastronómico. O obxectivo desta nova iniciativa é consolidar a marca Compostela Gastronómica a través dun evento que continúa coa liña marcada na primeira edición, centrando os seus contidos nos produtos galegos e nos cociñeiros da cidade.